Volver
Concello de Santiago de Compostela Home

Pacto Local polo Emprego

Liña estratéxica LE2. Impulsar o desenvolvemento económico e o emprego.

Fortalecer a economía local a través dunha planificación que aproveite as fortalezas da cidade e centre os seus esforzos na mellora das infraestruturas industriais, e o impulso da competitividade e a produtividade empresarial.

OE6. Mellora integral das áreas industriais da cidade e a ampliación do solo industrial dispoñible.

Comprende as medidas e actuacións dirixidas a modernizar os polígonos para convertelos en focos de atracción de investimentos e novas empresas, de fortalecemento do tecido produtivo, e de fomento da actividade económica e o emprego.

  • Meta 30. Garantir a calidade das infraestruturas dos polígonos industriais, mellorando as infraestruturas para que sexan ambientalmente sostibles, utilizando enerxías limpas e renovables, apoiando a simbiose industrial.
  • Meta 31. Promover a creación de novo chan industrial adaptado ás necesidades actuais das empresas manufactureiras, garantindo o exclusivo uso industrial (Zonas Empresas Industriais), con expresa prohibición a ubicación de centros comerciais e de ocio.
  • Meta 32. Impulsar o Biopolo Sionlla (Polo Biotecnolóxico de Galicia), e promover a creación de novos Hubs sectoriais (Industria madeira, agroalimentario, tecnolóxico, etc.).
  • Meta 33. Posta en macha de accións dirixidas a mellorar o transporte e a mobilidade nas áreas industriais.

OE7. Reactivación e diversificación de sectores produtivos e apoio aos sectores tradicionais.

Impulsar a reactivación e a diversificación produtiva da economía local, que necesita contar con condicións de contorna adecuadas para o estímulo da actividade empresarial, agregando valor pola incorporación de tecnoloxía e coñecemento nos procesos produtivos.

  • Meta 34. Impulsar accións encamiñadas á modernización e mellora dos sectores produtivos tradicionais (turismo, comercio, loxística etc.)/ etc.) co fin de promocionalos e mellorar a súa vantaxe competitiva para fomentar o emprego.
  • Meta 35. Impulsar o comercio de proximidade, con axudas e investimentos para revitalizar e facer máis atractivos os espazos vinculados ao pequeno comercio, e a creación da Oficina de apoio e transformación dixital “+ComercioSCQ”
  • Meta 36. Promover un Plan de promoción do sector da artesanía, que implemente medidas para a modernización de talleres, compra de materiais e maquinaria, acceso á dixitalización, promoción da artesanía, substitución xeracional,e creación de redes de artesanía.
  • Meta 37. Programa de mellora das infraestruturas da Praza de Abastos para que sexan ambientalmente sostibles, e implementación dunha plataforma en liña na que as persoas comerciantes poderán vender os seus produtos e servizos.
  • Meta 38. Impulsar accións de dinamización de sectores claves como a alimentación sostible, a economía circular e a economía dos coidados, a cultura ou a restauración.
  • Meta 39. Promover a diversificación do turismo, enfocándoo ao turismo de calidade de orixes consolidadas. Fomentar o turismo cultural e ambiental alternativo.
  • Meta 40. Promover os servizos complementarios ao turismo e promover a hostalería e a restauración especializadas, por produto ou público, que permita situar a Santiago como referente gastronómico de calidade a escala local e internacional.

OE8. Oficina de atracción de inversións e acompañamento empresarial

Xestionar a procura e captación de investimentos, tanto de potenciais novos investidores, coma de empresas que xa operen no mercado español ou internacional, e que contemplen posibles reinvestimentos ou ampliacións da súa actividade.
  • Meta 41. Potenciar un servizo de atención, acollida e acompañamento a empresas, a proxectos de investimento e tamén a proxectos de economía social e solidaria, até a súa total implantación.
  • Meta 42. Promocionar a cidade de Santiago para a atracción de investimentos e proxectos industriais estratéxicos, á vez que se acompaña ás nosas empresas e persoas emprendedoras na súa expansión cara ao exterior.
  • Meta 43. Impulso de Agrupacións industriais locais ao redor das oportunidades que crean sectores de actividade con máximo potencial competitivo como o biotecnolóxico, o turismo ou a sanidade, asegurando unha atención prioritaria a factores como o desenvolvemento de infraestruturas, os servizos e a base de coñecementos, así como apoiando o desenvolvemento de proxectos estratéxicos vinculados a estes sectores.

OE9. Conciliación e fomento da responsabilidade social corporativa.

Poñer o foco de atención na responsabilidade social corporativa e apostar por estratexias de conciliación real das persoas empregadas, favorecendo o equilibrio da vida persoal, familiar e laboral.
  • Meta 44. Desenvolver programas de apoio ás empresas en sustentabilidade ambiental e impacto social.
  • Meta 45. Ofrecer un servizo de asesoramento técnico a empresas para a implantación de plans de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e plans de conciliación da vida laboral, persoal e familiar.
  • Meta 46. Desenvolver actuacións específicas que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes nas familias, e no seo das empresas.
  • Meta 47. Impulsar e desenvolver un sistema profesional de coidados, a través da contratación de coidadoras e coidadores profesionais para garantir as necesidades de conciliación das familias con fillas e fillos menores de 14 anos ao seu cargo.
  • Meta 48. Fomentar o emprendemento feminino, e o acceso das mulleres a postos de responsabilidade na empresa.
  • Meta 49. Reserva de contratación pública do 3% ao 5% a empresas de inserción e centros especiais de emprego.